O Centro Social Novacaixagalicia da Praza de Cervantes ofrece un servizo gratuíto de visitas guiadas ás diversas exposicións que acolle na súa sede.
Dende o departamento de didáctica organizan un percorrido guiado polas seguintes mostras:
-XI Bienal de gravado Novacaixagalicia: ata o 19 de xuño. Arte/gravado.
A exposición amosa a selección dos mellores traballos presentados a esta décimo primeira convocatoria da Bienal de Gravado Novacaixagalicia, incluídos os premiados, á que se presentaron un total de 614 artistas, procedentes de 62 países diferentes.
O gravado é unha técnica antiga que, na actualidade, amosa as pegadas da modernidade. A visita guiada á exposición resultará esclarecedora para coñecer a súa orixe, a súa evolución e a dificultade que entraña esta disciplina, á vista dun grande abano de obras de gran calidade.
-Ríos de Galicia. Tesouros de Vida: ata o 11 de setembro. Fotográfica/científica.
50 instantáneas realizadas polo prestixioso fotógrafo submariño José Luís González ao longo de 15 anos de traballo. Amósanse imaxes abraiantes que reflicten o bulir da vida que se agocha no silencioso interior dos fermosos ríos galegos e de recónditas paraxes da xeografía da nosa comunidade.
Na visita guiada tamén teremos a oportunidade de visionar o documental Augas vivas de Galicia de 33 minutos de duración e que complementa dun xeito fantástico a mostra fotográfica.
-Espazo Colección de Arte Novacaixagalicia: Permanente. Arte/pintura e escultura.
Pintura, escultura, fotografía... Villaamil, Laxeiro, Leopoldo Nóvoa, Perianes... Técnicas diversas, senlleiros artistas e obras destacadas, nun completo e apaixonante percorrido xeral pola arte galega dende o século XIX ata os nosos días.
Grazas á calidade da Colección Novacaixagalicia, é doado comprender a evolución dos estilos entendidos como testemuñas dun tempo, froito dunha sociedade que cambia e que evoluciona. As obras amosan os ideais estéticos de cada etapa, os acontecementos históricos, as secuelas da guerra, a emigración, os cambios na sociedade galega contemporánea, as crenzas e os costumes populares, os avances tecnolóxicos, etc.
O servizo de visitas guiadas é gratuíto. O grupo mínimo é de 12 persoas e o máximo de 30 (pódense reservar varias exposicións e varios horarios dependendo do grande que sexa o grupo). As reservas faranse por orde de inscripción telefónica no 902 922 461.
Centro Social Caixanova
27/05/201131/12/2011
Sí
Más información