Hora de inicio: 12:00:00
A Galería SCQ presenta ata comezos do mes de marzo unha exposición do creador multidisciplinar suízo Lori Hersberger, que amosa unha colección coa que amplía o seu vocabulario artístico.
Nacido en Basilea, Suíza, en 1964, o artista Lori Hersberger pasou pola escola de Arte e Deseño de Basilea. En 2007 foille outorgada unha bolsa da Fundación Landis&Gyr en Londres, tamén recibiu o premio Manor-Artprize de Basilea e por dúas veces recibiu o prestixioso Swiss-Art Award.
É un enorme pracer para a galería SCQ acoller a súa primeira exposición individual en España titulada Dystopia Stalker. Imos deternos uns instantes neste título e falar desa Dystopia, (o non-lugar grego), a antiutopía, a utopía perversa. Un mundo caracterizado pola miseria humana, pola destrución, e opresión - o oposto a unha sociedade ideal. Acompañada da palabra 'Stalker' (Acosador), comunmente utilizada para falar dunha persoa que persegue a outra por un fetiche ou obsesión sexual, pero neste caso referíndose ao famoso Stalker de Tarkovsky, a película de ciencia ficción que deu orixe ao termo. O stalker que nos conduce por un mundo post-apocalíptico cara a un lugar onde hai a posibilidade de cambiar as nosas vidas. Un mundo distópico no que nos movemos guiados por un stalker, a nosa única esperanza de alcanzar algo mellor. Non foi coincidencia que Lori Hersberger elixise este título, xa que unha alusión a esa Dystopia está presente por toda a exposición. Nesas caixas cuxo aire foi violentamente retirado dos seus interiores, deixándoas coas formas disformes que podemos apreciar polas paredes da galería. Pero é importante notar que estas caixas nunca foron caixas, son esculturas na súa forma máis perfecta que fan referencia ás caixas negras dos avións que no seu interior conteñen respostas que quizais nunca cheguemos a escoitar. Caixas que voaron polo espazo e que colisionan violentamente contra o chan terrestre; de aí a súa denominación Intergalactic Totem, obxectos dalgunha reverencia que encerran en sí mesmos unha historia ou máis historias. - Non. - Obxectos que encerran en sí a alusión a unha historia - porque estas son esculturas abstractas e non caixas de verdade. Ese mesmo discurso, esa referencia a historias ou a contos externos ás obras, tamén o apreciamos nas pezas en neon coas que xoga no espazo expositivo. Marcos doutras obras invisibles (inexistentes?), horizontes de luz. Pero o neon é un tipo de iluminación que se move máis alá da harmonía, a miúdo chegando á desharmonía - Dystopia.
A pesar de que as obras requiren un tratamento industrial, que adoita deixar ao artista nun segundo plano, no caso de Lori Hersberger hai un esforzo dirixido para que a man do artista estea dalgún xeito presente en cada unha das pezas. Dende os neones aos Intergalactic Totems, ás fotos que gardan o espazo secundario da galería, todos foron, dalgún xeito, tocados pola man do artista no momento da súa creación. Obxectos transformados en escultura por unha técnica e polo que é o elemento esencial, a intención creadora. Todo o que cae fóra disto cae nas mans do azar, que collendo a oportunidade coloca o seu dicir en cada unha das obras.
SCQ
19/01/201202/03/2012
L-V: 12-14 h, 18-21.30 h. Sábado: solicitar cita.
Más información