Hora de inicio: 08:00:00
Seis artistas contemporáneos —Marlon de Azambuja, Elena Fernández Prada, Alicia Martín, Pamen Pereira, Jorge Peiranes e Damián Ucieda— exhiben ata mediados do mes de abril intervencións pensadas para diversos espazos do complexo do Gaiás nun proxecto no que o espectador poderá atopar o diálogo e a relación directa entre arte e arquitectura.
A Cidade da Cultura convida a pensar e intervir os seus espazos a seis artistas: Marlon de Azambuja, Elena Fernández Prada, Alicia Martín, Pamen Pereira, Jorge Peiranes e Damián Ucieda.
Con este proxecto iníciase unha liña de traballo que pretende achegar este grande espazo para a creación e a reflexión a diversos artistas contemporáneos, co obxectivo de converter este lugar en protagonista dos seus traballos.
As obras serán intervencións realizadas ex profeso para áreas concretas do espazo común deste gran proxecto, de tal forma que a relación co espectador que visite o lugar sexa directa e artellada no espazo.
A cada un dos autores propúxoselles o reto de realizar unha obra que, sen arredarse en ningún momento do eixe discursivo de cadanseu traballo, poida orixinar un diálogo cun espazo arquitectónico tan singular como o do complexo.
I ENCONTRO DE ARTISTAS NOVOS
O pasado mes de setembro, a Cidade da Cultura de Galicia acolleu o I Encontro de Artistas Novos, onde 100 mozos creadores puideron compartir e debater sobre o posicionamento actual do artista e o devir da produción artística contemporánea.
Tras o evento, os seus directores invitaron os participantes a presentaren un proxecto para incluír en Inside. O resultado foi un proxecto colectivo, asinado polos 100 participantes, e que leva por título "ContainerInside".
ARTISTAS convidados
**Marlon de Azambuja
1978, Sto. Antônio de Patrulha-TS, Brasil. A súa obra relaciónase coa poética do brasileiro ‘Movemento Concreto”, do que retoma intereses como a síntese do complexo e a identidade aberta dun contorno que agora é o protagonista.
**Elena Fernández Prada
1978, León. O seu traballo centrouse en observar e representar un tipo de “o cotián alterado”, en concreto as edificacións de tipo unifamiliar que adoitan poboar a paisaxe rural de Galicia. A súa aproximación a esta realidade é de carácter lúdico e sumamente intuitivo.
**Alicia Martín
1964, Madrid. Unha das constantes da súa obra é a utilización case obsesiva do libro como materia prima. A metáfora do tempo, a ocupación do espazo, a relación da arte contemporánea coa cultura, a memoria bibliográfica como representación física do coñecemento, son algún dos elementos que configuran o seu imaxinario.
**Pamen Pereira
1963, Ferrol. Os seus comezos están marcados polo uso de elementos de contido simbólico como a auga, o aceite e a luz, cos que realiza instalación cunha forte compoñente poética que sobreviviu na súa obra posterior. Obras cargadas de simboloxía que toman como punto de partida elementos da natureza e obxectos domésticos.
**Jorge Perianes
1974, Ourense. Malia que formado como pintor, na actualidade dedícase maiormente á escultura e á instalación. A súa obra reflexiona sobre a natureza, os animais e o ser humano desde temas que nos afectan na época actual: o fragmento, a ruína, o baleiro, o home-neno, a ambigüidade, a inseguridade…
**Damián Ucieda
1980. A Coruña. A obra de Damián Ucieda entréganos a mirada máis comprometida coa nova fotografía narrativa, na que a posta en escena dos personaxes, a iluminación e as marcas de autor son claves para a construcción dunha “verdade” paralela e inquietante, invadida por enigmas e cuestión sen resolver.
Cidade da Cultura de Galicia
17/12/201117/04/2012
De 8:00 a 14:30 h e de 16:00 a 20:00 h.
Más información